Muiñeira do Afiador



Brúa na serra un corisco de morte,
andan os mircos a oubear co frío,
xíase a oreta na xerfa do río
i o arreador sigue sempre o seu Norte.


Pica o Lourén máis que unha caimana
o suor decorre i empapa a guinea
i o arreador sin un folgo canea
bule que bule tras da tarazana.


Canta no chifre unha muiñeira,
arrinca faíscas a faiña que amola
e cando remata vaise cara a tola
para arromanar coa linda toleira.


Non hai para iste home camiños estranos,
maquina d’arreo todalas guchías
i as súas andolias ao longo dos días
avantan bariles polos meridianos.


Dalle así co a roda cen voltas ao mundo,
cambuza a diario tolas e meixúas
e despois de andare por todalas rúas
fundese co a terra baixo un ceo de chumbo
Imaxe: Afiador faenando na rúa.
Gravado de F. de Guisasola (1880)




Ben-Cho-Shey, de BERZAS, 1953


Vocabulario de barallete:

mircos = lobos
oreta = auga
Lourén = Sol.
caimana = cebola
guinea = cabeza
canea = anda
tarazana = roda
faiña = navalla
tola = taberna
arromanar = falar.
toleira = taberneira
maquinar = andar ca tarazana.
guchía = porta
andolias = pernas
bariles = bo
cambuzar = mudar.
meixua = pousada

0 comentarios:

Publicar un comentario